Entrevista con Mercedes Vázquez de Dehistoria, sociedade laboral

Conversamos con Mercedes Vázquez de Dehistoria

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

  • A Economía Social é unha fórmula que facilita que as mulleres dean o paso para conformar unha empresa
  • Xunto a Mercedes Vázquez coñecemos un pouco mellor ás sociedades laborais e o peso histórico da economía social

Que é DeHistoria?

Somos unha empresa de investigación en historia, aplicamos os mesmos métodos da ciencia de historia que se aplican na facultade, por poñer un exemplo; pero en vez de facer a investigación básica que fan eles nós facemos investigación aplicada ao que os nosos clientes necesitan.

A liña de negocio principal é a investigación en historia. É sorprendente ver as aplicacións concretas que iso ten despois. De feito, ao longo da nosa traxectoria houbo liñas de negocio nas que ao principio non pensamos moito e que agora están totalmente consolidadas e nas que somos referentes neste tipo de negocio. Por exemplo, todo o que teña que ver con litixios ou reclamacións ante a administración e a xustiza dos montes comunais, que son problemas de lindes e de dereitos que teñen unha raíz histórica. Nestes casos hai que facer unha investigación histórica: buscar a documentación, revisala, traballar con equipos que fan cartografía e con equipos que fan arqueoloxía. Así elaboramos un informe, ben a petición da comunidade de montes ou do propio xulgado, que as veces non chaman como peritos.

Outra liña que nos sorprendeu foi o tema das indicacións xeográficas protexidas e as denominacións de orixe polos informes históricos que teñen que avalar as etiquetas de calidade dos produtos. E algo no que non pensamos moi ben e despois, ao final, é un dos traballos que máis satisfacción nos da e que realmente son moi bonitos. Despois facemos desde xenealoxías ata historias locais, cousas máis inmediatas.

Por que decidiron constituírse como sociedade laboral?

Pensamos que era a fórmula que garantía que no futuro, se a empresa medraba, a propiedade seguía sendo da xente que traballaba nela. Nós temos unha certa concepción do que debe ser o traballo histórico e do papel que ten que ter na sociedade; e entendemos que esa filosofía tiña que preservase no caso de que houbera un crecemento no accionariado e nos empregados. Basicamente, esa foi a principal razón.

Que vantaxes atopa nesta fórmula empresarial?

Non temos nin maiores inconvenientes nin grandes vantaxes. Temos algunhas que, no primeiro momento, non nos parecían que foran tan relevantes pero agora si. Basicamente funcionamos como unha sociedade mercantil normal, é dicir, como outra sociedade limitada estándar das que existen. Hai, simplemente, unhas limitacións no referido á presenza dos traballadores e traballadoras no accionariado, que é obrigatoria, e unha reinversión dos beneficios.

Para nós a gran vantaxe era que permitía manter a propiedade dentro da xente que traballaba como forma de garantir unha filosofía que tamén implicaba -e hoxe máis aínda- un compromiso cun xeito de facer as cousas, un certo compromiso co territorio e coa comunidade na que estamos. Tamén é certo que podíamos tela sendo outro tipo de forma societaria pero esta, para nós, fala diso.

Tamén resultounos moi importante que podes elixir a fórmula na que estás na Seguridade Social. Ti podes estar como autónoma ou podes estar como empregada por conta allea, como é casualmente o noso caso. Coa pandemia o noso sector estivo pechado practicamente un ano porque pecharon os arquivos e as bibliotecas; nós entramos automaticamente en ERTE e cobramos case todo o xornal directamente, sen ningún tipo de complicación ou axudas. Iso foi crucial para a nosa supervivencia. É algo do que non se fala moito pero é importante, tamén.

Cre que a economía social fomenta o emprendemento feminino?

Máis ben, non tanto que a economía social fomente o emprego feminino como que é unha fórmula que facilita que as mulleres dean o paso adiante para conformar unha empresa porque indica unha serie de compromisos e unhas fórmulas non tan ríxidas que permiten que a cousa sexa doutra maneira.

Para nós o non ter a presión polos beneficios, quita moita presión no día a día. Ti pensas en facer algo que che gusta, gañar un sustento -traballamos porque temos que traballar-; pero ao non ter esa presión de ter dividendos e repartir, as cousas son doutro xeito diferente. Prefires ter menos ingresos e poder coidar, poder descansar despois dun período especialmente estresante. Bo, da outro xogo, non? E penso que é algo que cada vez se aprecia máis.

Durante estes 18 anos de Dehistoria, cal foi a evolución da visibilidade das sociedades laborais?

Pois cando nacemos non existía a Aesgal, a agrupación de sociedades laborais. No 2004 todo o que era a economía social era algo bastante exótico, en xeral. Entendíase un pouco máis o tema das cooperativas pero moi vinculado ao sector primario. Despois o resto, os centros de emprego, as empresas de inserción... era todo algo raro. Avanzamos moito o que falta se cadra é visibilizar que hai grandes proxectos que están vinculados á economía social. Por exemplo, que o Arde Lucus está na orixe dun proxecto dunha sociedade laboral, que ese xeito de concibir un evento deste tipo, sen dúbida está marcado porque é unha sociedade laboral que non é unha sociedade mercantil doutro tipo, porque é unha empresa cunha filosofía doutro tipo. É algo que temos que reivindicar, e temos que reivindicar tamén un pouco a historia da economía social e das sociedades laborais porque todos pensamos en Feiraco pero podemos pensar no Arde Lucus que é un produto disto ou podemos pensar en toda esta riqueza acuícola que está xestionada por confrarías que son entidades de economía social. Estamos na base de proxectos moi dinámicos e as sociedades laborais tamén forman parte de todo isto.

A Economía Social non é algo novo

Ao fío disto nós estamos traballando para unha exposición que se vai facer sobre historia da economía social tamén no fío da capitalidade. Unha reflexión que se fai nesa exposición é que se aínda que parece que estas cousas son todas modernas como a sociedade laboral, as cooperativas... que son alleas á tradición galega, a realidade é que non é así.

Nós temos unha cultura tradicional nas aldeas e en moitos oficios que fala da economía da colaboración, que é imprescindible para que esas comunidades puideran saír adiante. Estamos falando agora da economía social que é unha forma moderna desas formas, desas ideas, dese sentimento que a xente tiña de colaboración, de cooperación. Iso é moi bonito porque eu teño a sensación, as veces, de que a xente maior ten a idea da cooperativa como unha cousa de estranxeiros, roxos ou cousas desas pero en realidade é outra. Que é un muíño de herdeiros? Pois unha comunidade, un grupo asociado para explotar xuntamente unha infraestrutura. É unha forma antiga dunha cooperativa ou dunha sociedade laboral. Por non falar dos montes comunais ou das confrarías do mar que son formas que se remontan a milleiros de anos case. Vamos, de aquí de sempre.

 

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar
Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar